Contacto | Mapa web | Foro | Aviso legal | Accesibilidade
Intranet

Acceso á cursos en liña


Proxecto ECS

Proxecto ECS
Equal Compostela Social é un programa de ámbito comarcal orientado á creación de iniciativas de autoemprego por parte de colectivos que presentan especiais dificultades de inserción laboral e que se insire no marco de Equal II, unha iniciativa comunitaria financiada polo Fondo Social Europeo. Este último, que ten por obxecto a loita contra todas as formas de discriminación e desigualdade que se producen no mercado de traballo, achega o 75% do orzamento final (997.316,76 euros), mentres que o 25% restante (332.438,92 euros) o cobren as entidades asociadas que participan do proxecto.

O obxectivo xeral deste proxecto é fomentar o espírito empresarial e a creación de empresas por parte daqueles colectivos que presentan maiores dificultades para acceder ao mercado laboral, ao tempo que son máis vulnerables a unha exclusión social que nalgúns casos roza a marxinalidade, e que teñen vocación emprendedora. Trátase, principalmente, de mulleres, persoas maiores de 45 anos, xente nova sen cualificación, familias monoparentais e persoas paradas de longa duración, persoas discapacitadas e inmigrantes e emigrantes retornadas/os.

Ata o momento, as iniciativas ensaiadas, dirixidas a fomentar a contratación por conta allea destes colectivos, non deron os resultados esperados e, a pesar da existencia de instrumentos de apoio á creación de empresas na comarca, atopan aínda moitas dificultades para acceder a estes servizos.

A intervención do proxecto ECS, incorpora un novo enfoque, apoiando a estes colectivos para desenvolverse profesionalmente desde o punto de vista do autoemprego.

Área de intervención

A zona de intervención de ECS é a comarca de Santiago de Compostela, na provincia da Coruña, un territorio que abrangue unha extensión de 690 quilómetros cadrados e que agrupa os termos municipais de Boqueixón, Vedra, Teo, Brión, Ames, Val do Dubra e Santiago de Compostela.

Esta comarca é un modelo-tipo de área rururbana na que se combinan unha forte presenza de características rurais -a nivel xeográfico e económico- con elementos do sector terciario -a nivel de ocupación e ordenación territorial- nucleados, basicamente, ao redor de Santiago de Compostela.

De acordo ao rexistro censal nesta comarca reside unha poboación próxima aos 150.000 habitantes, sendo Santiago o seu núcleo principal con 92.000 habitantes. Trátase dunha área moi poboada en termos comparativos, xa que a súa densidade de poboación é de 216 habitantes por quilómetro cadrado fronte aos 93 de Galicia ou aos 80 de España.

En coherencia co diagnóstico inicial e coa análise exhaustiva das políticas e programas realizados ata a data, o proxecto ECS encádrase dentro da área temática 2 de Equal, orientada a abrir o proceso de creación de empresas a todas e todos, proporcionando os instrumentos necesarios para a creación destas e para a identificación e explotación de novas posibilidades para a creación de emprego nas zonas urbanas e rurais.

Imprimir

Concello de SantiagoXunta de Galicia. Conselleria de Traballo. Direccion Xeral de Promocion do EmpregoConcello de AmesConcello de Boqueixon Concello de Brion Concello de TeoConcello de Val do DubraConcello de Vedra

Universidade de Santiago de CompostelaCogamiFundacion Comarcal SantiagoCamara Santiago de CompostelaPlataformo polo EmpregoCaixa Galicia

EqualMinisterio de Trabajo y Asuntos SocialesFondo Social Europeo