Proxecto ECS
Equal Compostela Social é un programa de ámbito comarcal orientado á creación de iniciativas de autoemprego por parte de colectivos que presentan especiais dificultades de inserción laboral e que se insire no marco de
Equal II, unha iniciativa comunitaria financiada polo
Fondo Social Europeo. Este último, que ten por obxecto a loita contra todas as formas de discriminación e desigualdade que se producen no mercado de traballo, achega o 75% do orzamento final (997.316,76 euros), mentres que o 25% restante (332.438,92 euros) o cobren as entidades asociadas que participan do proxecto.
O obxectivo xeral deste proxecto é fomentar o espírito empresarial e a creación de empresas por parte daqueles colectivos que presentan maiores dificultades para acceder ao mercado laboral, ao tempo que son máis vulnerables a unha exclusión social que nalgúns casos roza a marxinalidade, e que teñen vocación emprendedora. Trátase, principalmente, de mulleres, persoas maiores de 45 anos, xente nova sen cualificación, familias monoparentais e persoas paradas de longa duración, persoas discapacitadas e inmigrantes e emigrantes retornadas/os.
Ata o momento, as iniciativas ensaiadas, dirixidas a fomentar a contratación por conta allea destes colectivos, non deron os resultados esperados e, a pesar da existencia de instrumentos de apoio á creación de empresas na comarca, atopan aínda moitas dificultades para acceder a estes servizos.
A intervención do proxecto
ECS, incorpora un novo enfoque, apoiando a estes colectivos para desenvolverse profesionalmente desde o punto de vista do autoemprego.
Área de intervención
A zona de intervención de ECS é a comarca de Santiago de Compostela, na provincia da Coruña, un territorio que abrangue unha extensión de 690 quilómetros cadrados e que agrupa os termos municipais de
Boqueixón,
Vedra,
Teo,
Brión,
Ames,
Val do Dubra e
Santiago de Compostela.
Esta comarca é un modelo-tipo de área rururbana na que se combinan unha forte presenza de características rurais -a nivel xeográfico e económico- con elementos do sector terciario -a nivel de ocupación e ordenación territorial- nucleados, basicamente, ao redor de Santiago de Compostela.
De acordo ao rexistro censal nesta comarca reside unha poboación próxima aos 150.000 habitantes, sendo Santiago o seu núcleo principal con 92.000 habitantes. Trátase dunha área moi poboada en termos comparativos, xa que a súa densidade de poboación é de 216 habitantes por quilómetro cadrado fronte aos 93 de Galicia ou aos 80 de España.
En coherencia co diagnóstico inicial e coa análise exhaustiva das políticas e programas realizados ata a data, o proxecto ECS encádrase dentro da área temática 2 de Equal, orientada a abrir o proceso de creación de empresas a todas e todos, proporcionando os instrumentos necesarios para a creación destas e para a identificación e explotación de novas posibilidades para a creación de emprego nas zonas urbanas e rurais.
Imprimir